Os axóuxeres son obxectos sonoros de cores moi vivas para entreter aos cativos e cativas. Este blogue pretende ser un espazo onde poder realizar o intercambio de experiencias, amáis dunha proposta motivadora de integración das TIC ás miñas clases. Desexo que sexa enriquecedor e motivante para a vosa e a miña formación.

viernes, 3 de mayo de 2013

Despedida do Letargo Invernal




Maio é o mes do trunfo da vexetación, a despedida do letargo invernal e o renacer da vida:
Levántate maio
Que tanto durmiches,
Pasou o inverno
E non o sentiches.

Curros cantou un maio triste e vindicativo, denunciador de opresións. Aquel que comenza:

Aquí ven o maio
De frores cuberto…
Puxéronse á porta
Cantándome os nenos.

Mentres trunfase a inxustiza e a opresión, mentres para o pobo galego fose sempre inverno e non estivese “de donos liberto” non había lugar para cantares de maio.
Anceiemos como o poeta de Celanova un maio en liberdade, igualdade e fraternidade. E recibámolo con corazón alegre e disposto, como Cunqueiro:

Maio está entrando por portas,
O Maio de namorar.
Maio desfolla nas rosas
Sen saber con quen casar.

O antigo folclore dos Maios foise perdendo paulatinamente coa lenta agonía do mundo rural e agrario. Ritos e vellas cerimonias que veñen dende o asombro inicial da humanidade.

Culto á fecundidade, á renovación e ao espertar da vida. Festa representada pola ledicia infantil cos seus cánticos xubilosos e críticos, se ven ao caso. Ramos de maio, maios figurados, maios humanos… Ramallos, fiuncho, xestas e flores, flores e flores. Maios ou maias, segundo fosen nenos ou nenas. Fierros inmortalizou nun óleo o maio de Ribadeo e a inglesa Meakin fotografou a maia de Betanzos baixando pola costa dos Remedios. A celebración desta maia hai anos que é xa dato de arquivo, aínda que houbo intentos de –un tanto desvirtuados- de recuperar a tradición. Tradición que se foi mantendo, con dificultades, en Marín, Pontevedra, Ourense, no Rosal… Outras manifestacións do ciclo do maio foron transferidas ás celebracións do Corpus, como as alfombras florais de Ponteareas, Ares…

Maio é o mes mayor das nosas letras: rescate e lembranza da vida e obra dos escritores que contribuíron a darlle corpo e vitalidade á lingua do país. Comenza o mes con data histórica, universal, reivindicativa e de loita. Os traballadores e operarios do mundo celebran o Primeiro de Maio, lembrando conquistas sociais hoxe en perigo e con esperanza de futuro mellor. O tres é a Santa Cruz: En Aranga, beira do Mandeo, fonte e torre barrocas fálannos da grandeza de pasadas romarías. Polo oito os eumeses ascenden ao Breamo en rito anual e repetido por setembro. O quince é o San Isidro labrador, “quita a auga e pon o sol”, protector dos labregos, hoxe ameazados pola Europa dos mercaderes. Pola Ascensión son festas en Compostela.

Recibamos a maio con ledicia e optimismo: “Ben veñas maio, o mellor mes de todo o ano”. Por máis que os desconfiados lembren aquilo de “en maio aínda a vella queima o tallo” ou “ata o corenta de maio non quítelo saio, e se volve chover, vólveo poñer”. E se así for sempres queda o consolo de que se “maio ven chuvioso, verán caluroso”.




No hay comentarios:

Publicar un comentario